martes, 2 de marzo de 2021

OLLADAS_01: OS PREXUÍZOS (Entrevista á pedagoga Kateline De Brito)

Por:

Ana Salgado Martínez

Julieta Sofía Álvarez Demedice

Paula Barreiro Rodríguez

Zaira María Abuín García

 

 

Damos a benvida ao proxecto PEINAS (Pedagoxía Intercultural e Aprendizaxe-Servizo), o cal constitúe unha experiencia desenvolvida na Universidade de Santiago de Compostela (USC) por, en gran parte, os alumnos/as do 2o curso do Grao en Pedagoxía. O alumnado aprende realizando un servizo no marco de entidades que traballan por e para a interculturalidade.


A primeira temática do proxecto PEINAS, que permitirá que a experiencia empece a florecer, trata sobre Prexuízos e a Pedagoxía Intercultural. Por iso, debemos ter claros os seguintes aspectos:


● Por unha banda, ​ un prexuízo é unha actitude, crenza ou opinión que non se basea nunha experiencia ou nunha información suficiente como para alcanzar unha conclusión rotunda. De forma literal, defínese como un “xuízo previo”. Ademais, os prexuízos producen unha especie de cegueira na conciencia ordinaria, que se satisfaría con coñecemento.


● Por outra banda, a Pedagoxía Intercultural é a reflexión sobre a educación, entendida como elaboración cultural, baseada na valoración da diversidade cultural. Promove a práctica educativa dirixida a todos os/as membros da sociedade no seu conxunto. Propón un modelo de análise e de actuación que afecte a todas as dimensións do proceso educativo. Trátase de lograr a igualdade de oportunidades, a superación dos prexuízos culturais e a adquisición da
competencia intercultural en todas as persoas, sexa cal for o seu grupo cultural de referencia.


A continuación, convidámosche a ti, ciberamigo/a, a que contemples a seguinte entrevista. A mensaxe que transmite é moi importante e necesaria e, o testemuño de Kati, non che fará sentir indiferente. 

Aquí a ligazón:

https://www.instagram.com/p/CL2TltTj1P7/?utm_source=ig_web_button_share_sheet&fbclid=IwAR1wB21O-3TwhGtLFF3xMFpmul9HhFOB_MmUlAFidoX4ntZFOl_vmFA027s

 

 

Gustaríanos compartir algunhas reflexións que nos suscitou esta entrevista:

En primeiro lugar, é de vital importancia posuír un pensamento flexible e unha mente ben aberta que nos permitan, a todos/as, apreciar e entender o enriquecedora que é realmente a diversidade. Ademais, sen abolir os devanditos prexuízos nunca poderemos vivir en comunidade, en sociedade. 

Debemos traballar con, por e para a sociedade. Tras unha incrible conversación con Kataline, pedagoga moi decidida, podemos reflexionar sobre se a interculturalidade debe pasar necesariamente por unha intervención específica cos colectivos migrantes ou se ben debe ser unha intervención máis integral na sociedade relacionada co antirracismo. Tamén, a pesar de que a educación é un motor fundamental para cambiar o mundo, deben intervir outros factores que xogan un papel fundamental para alcanzar esa utopía chamada inclusión como, por exemplo, o Estado e a súa lexislación.

En segundo e último lugar, e non por iso menos importante, queremos loitar para que o aprendizaxe-servizo chegue a ser entendido como un vector de innovación que, co concurso doutras estratexias e tendo en conta a realidade mundial actual, pode supoñer unha mellor conexión entre as dimensións académicas e sociais da aprendizaxe.


Para quen prefira o texto, anexamos tamén un pequeno relato da nosa protagonista que elaboramos a través da entrevista:

O seu nome é Kataline, aínda que todos/as a coñecen máis por Kati. Ten 23 anos, é pedagoga e opina que o proxecto PEINAS é moi interesante e necesario, sobre todo nunha carreira como Pedagoxía.


Kati naceu en Cabo Verde, concretamente en Assomada, unha rexión que se atopa na illa de Santiago. Por mor das voltas que da a vida, vive actualmente cos seus pais e a súa irmá pequena en Burela, un municipio que pertence á provincia de Lugo. Desta forma, Kati viviu 13 anos en Cabo Verde e 10 anos en Galicia. Como sabemos, pasou a súa infancia en Assomada e as principais diferenzas culturais máis significativas que aprecia entre os lugares onde viviu son a nivel social.
Cóntanos do proceso de socialización que no lugar onde naceu as persoas se relacionan fundamentalmente nas rúas e que todas elas se coñecen,  caracterizándoo como un proceso máis comunitario; en cambio, aquí relegamos a socialización a un ámbito moito máis íntimo, aínda que sinala que todo está a cambiar por motivo do Covid-19. Por este motivo, cando chegou a España
sentiuse encarcerada, pois deuse conta de que aquí as persoas só saímos á rúa cando temos un plan concreto como, por exemplo, tomar un café. Un dato curioso que expresa é que en Cabo Verde non é habitual falar do tempo climatolóxico ao contrario que en España, pois este non varía.


Un aspecto moi importante na vida de todos/as e no que reflexionamos máis ben pouco é na identidade. Kati séntese fundamentalmente caboverdiana, debido a que naceu alí, do mesmo xeito que a súa familia, e as súas raíces son esas. Con todo, tamén se sente española porque o seu fogar agora está aquí, do mesmo xeito que a súa familia máis próxima, e, de feito, a súa irmá naceu aquí.


Ademais, sinala que adoptou moitas dos costumes e tradicións españolas. Debemos ter en conta que a adolescencia é unha etapa vital complicada en todos os sentidos, pois nela afóganos un gran sentimento de incomprensión. Cando Kati chegou a España incorporouse en 3o da ESO e esta incorporación está marcada por un gran fallo do sistema: pertencía a unha clase específica e apartada, na que os seus compañeiros/as eran caboverdianos/as e repetidores/as de curso, polo
que desde o propio centro educativo non se fomentaron a inclusión e a integración cultural. Este feito provocou que tivese un conflito interno en canto á súa identidade e se preguntase como serían as cousas se nacese aquí. 

Afortunadamente, Kati di que nunca viviu unha situación de racismo explícito, pero en múltiples ocasións cando di que é de Burela volven preguntar cal é a súa orixe. Da mesma forma, cando fala castelán ou galego todos/as se sorprenden e dinlle que o fala estupendamente. Con todo, o que máis nos impactou, entre outras vivencias, é que lle chegaron a tocar o pelo pola rúa por resultar un trazo exótico e unha perruqueira, o día da súa gradación, preguntoulle directamente se a ela lle gustaba o seu pelo.


Por outra banda, tal é como nos afirmou Kati, a Pedagoxía é unha ciencia que abarca moitos ámbitos, aínda que moitos deles non se coñecen, é dicir, existe un elevado grao de, xa que moitas veces a sociedade asociaia unicamente ao ámbito educativo ou a outro grao de estudos. Deste xeito, ela afirmou que o ámbito que máis lle interesaba era o da Intercuturalidade, aínda que como afirmabamos anteriormente é un espazo moi pouco visible pero a súa vez moi necesario.


Ademais, falando dos prexuízos, a entrevistada afirmou que para ela son actitudes ou pensamentos negativos cara grupos específicos de persoas pero que aínda que os consideremos algo malo para o avance da nosa sociedade é certo que todas as persoas temos algún, algo que deberiamos cambiar.
Desta forma, Kati considera que un dos grupos sociais cara o que se ten máis prexuízos é cara aquelas persoas que non encaixan no prototipo de individuos da nosa sociedade, por exemplo, ela afirmaba que en moitas ocasións observaba determinados prexuízos cara a xente negra, unicamente polo feito de ser diferentes fisicamente, fomentando deste xeito o racismo e a discriminación. 

Polo tanto, esta existencia de prexuízos da lugar, en moitas ocasións, a que as persoas que os reciben presenten unha falta de aceptación de si mesmos, provocando unha menor autoestima. A modo de conclusión, deberiamos esixirnos unha maior autocritica para poder determinar cales son as cousas que facemos mal ou que poden afectar negativamente a un determinado grupo da sociedade e deste xeito, intentar melloralas ou erradicar aquelas actitudes ou aspectos negativos. Ademais, debemos educar na inclusión e fomentar a diversidade.


No hay comentarios:

Publicar un comentario