A miña experiencia neste proxecto de Pedagoxía Intercultural está sendo do máis interesante. Eu, en concreto, realizo a miña participación no servizo-aprendizaxe a través da Fundación Juan Soñador, na cidade de Vigo. Dentro da fundación existen varios programas, eu estou involucrada no denominado Teranga –que é unha palabra nunha lingua senegalesa que ven significando “acollida”. Isto xa é a pista definitiva para saber a actividade que levo a cabo, pois traballamos con persoas inmigrantes para facilitarlles a súa inclusión social e laboral na sociedade de acollida –neste caso, a galega.
Participo na formación de aquelas persoas que acoden a un curso de informática, relacionado coa aprendizaxe do emprego do correo electrónico e creación de perfís para a busca de emprego en páxinas webs como InfoJobs ou InfoEmpleo. A finalidade do curso é a capacitación dos individuos para que se desenvolvan a través das novas tecnoloxías e poidan satisfacer as súas necesidades máis básicas, neste caso, a busca de emprego e a comunicación con suxeitos ou empresas que lles podan proporcionar un posto como traballador ou traballadora.
Toda esta implicación no proxecto está supoñendo unha verdadeira aprendizaxe para min, pois ademais de aprender como se desenvolve unha fundación, estou en contacto con profesionais do ámbito educativo-social que traballan para mellorar a realidade de certas persoas en risco de exclusión, o que supón algo moi satisfactorio. Tamén me gustaría destacar as leccións de vida que extraio das situacións que se dan na aula, é dicir, das experiencias vitais de cada un dos asistentes ao curso. Polo tanto, sen dúbida sería unha actividade que recomendaría e coa que estaría encantada de continuar.
Carlota Rodríguez
Fund. Juan Soñador - Teranga (Vigo)
No hay comentarios:
Publicar un comentario